jueves, septiembre 21, 2006

“Novas imaxes valen máis que mil palabras”

O xoves pasado foi 21 de septembro, comezou a primavera en Bolivia (ainda que non teña pensado facer parada en Potosí), e tamén foi o Día do Amor. Bonecos, tartas, flores e felicitacións foron dun lado para o outro, incluso no traballo fixemos o xogo do amigo invisible.
Ademáis do Día da Primavera e do Amor, foi tamén o do Amigo, o do Estudante e tamén, por estrano que pareza, o do Médico. Así que para celebrar tantos e diversos acontecimientos, para os cales estiveron preparándose todo o mes, quero amosar novas fotografías de Potosí.
Esta é unha composición de panorámicas da cidade, das súas rúas e da súa xente.
¡¡Feliz Mes do Amor!!

A beleza do Cerro Rico pode observarse dende todolos puntos da cidade.



Folga da cooperativa mineira. Estiveron apostados diante do concello tres días.



Vista panorámica dunha das moitas instalacións onde preparan o mineral, extraido do cerro, antes de ser exportado.



Varias imaxes do ritmo diario en Potosí.A rúa Linares e a Praza 10 de Novembro.



“Allá donde fueres, haz lo que vieres” ( I )

Guiada de novo polo refraneiro, e afeita xa totalmente á vida de Potosí, esta semana decidinme a escribir sobre o día a día da cidade andina, o único que espero é non presentar un maremagno de rutinas e actitudes imposible de entender.

Non foi difícil tomarlle ó pulso o ritmo diario, o meu horario de traballo en Bolivia non é diferente ó de calquera potosino, (8:30-12:00 / 14:00-18:30). Sen embargo, durante un tempo, cando saía da casa camiño do PRAHP tiña a sensación de que toda a cidade levaba desperta varias horas xa, sorprendida miraba para a xente porque non atopaba caras de sono por ningures. Cos días fun dándome conta que a miña impresión era real, Potosí está en movemento dende antes das 6 da mañá e a pleno rendemento sen importar que sexa martes ou domingo. Estando este último reservado rigurosamente a pasa-lo coa familia, comendo e tomando, de feito, tomando tan en exceso que é unha preocupación xeral no país, pero que xa vén de hai séculos chamarlle ó luns “San Lunes”¸ polo que supón de recuperación económica despois dos gastos en festa.

Unha vez que comprendes que as horas de luz son poucas, o mellor é apotosinar os horarios laborais, os de descanso e tamén os gastronómicos. Sobre estes últimos non convén confiar moito no teu apetito, pois a altura ademáis de complica-la chegada do oxíxeno ó teu cerebro, complica gravemente as dixestións. “Ají”, “locoto”, ou “yajua”, estas son as -extremadamente picantes- salsas que se poñen en tódolos pratos, entrantes e pastas, ou sopas e carnes, da igual, para Bolivia é tan necesario coma o aire que respiras.

Outra cuestión por salientar é o do terrible frío do altiplano, que é todo o ano, non hai tregua nin un mes, así que en Potosí convén poñerse varias capas de roupa e aguantar coma sexa. As terribles carencias de infraestructuras que Bolivia padece, non facilita nin o ora nin o labora, así que traballar co abrigo posto e argallar mil e un inventos para soporta-lo frío é o máis común.

Os bolivianos son xente moi traballadora, cun sentido da responsabilidade enorme, e moi conscientes da importancia da afabilidade nas relacións cos compañeiros de traballo, (“Buen día Doña Delia. Buen día Don Edgar, ¿cómo le va?”). Dentro do panorama laboral, é certo tamén que sufren contratos moi estrictos, con claúsulas irrazonables, como non ter vacacións, nin días de permiso, salarios baixos, horas extra non pagadas, etc. E sen entrar na delicada cuestión do traballo infantil, na rúa coma limpabotas, vendedores ambulantes, e tamén os nenos das minas para o caso do Potosí. Moi recomendable é a película documental “The Devil´s Miners” dos directores Richard Ladkani e Kiev Dadvison, que non foi emitida en Potosí, só en Cochabamba (Bolivia), tanto por respecto ós pequenos protagonistas, e se cadra polo tipo de acollida que tería unha reportaxe deste tipo.

Non obstante, e nun intento por transforma-las abusos soportados, Bolivia é rebelde, maniféstase e loita por mellora-las súas vidas, non chega coas eleccións, así que recurren ós bloqueos, ós paros civís, etc. O pacifismo non caracteriza a estas manifestacións, non hai tampoco moitas posibilidades de escoller se acodes á folga se o teu departamento ou cooperativa así o decide, pero o certo é que sempre hai un elevado grado de eficacia nos resultados obtidos. A semana pasada as cooperativas mineiras de Potosí paralizaron a cidade tres días, apostados nos xardíns do Parque 10 de Novembro, diante da alcaldía, e a base de combinar explosión de dinamita (nas tendiñas mineiras é legal mercala) con negociacións en La Paz, conseguiron traer a tres ministros e a rebaixa dos seus impostos á Seguridade Social.

Antes de rematar quixera mencionar de novo a calidez dos bolivianos, no trato e nos feitos, pero tamén do agradable do nivel dos seus decibelios, creo que é moito o que berramos nós, tal vez reduciríamos o estrés se nos comunicasemos tan docemente coma eles...