Bolivia é un país fermoso e diverso, Bolivia é un paraíso natural onde o oxixenado altiplano, os quediños vales, o rico oriente e a espectacular amazonía conviven baixo o mesmo teito sen sospeitar que o fan. O resultado, unha combinación absolutamente incrible de paisaxes, todos e cada un deles cunha riqueza que supera todo canto se poda ver na nosa curta vida. Aínda que Félix Rodríguez de la Fuente, os bosques europeos e as rías galegas están sempre presentes no meu corazón, vivir neste continente e coñecer as súas montañas e lagoas, é dicir, vincularte con esta natureza, pode resultar unha experiencia transcendental para o espírito.
As boas sensacións que espero produzan estas palabras rematan de súpeto en canto unha se para a meditar que no mundo no que vivimos ser unha potencia en recursos naturais case é a fórmula máxica para converterse, despois de Haití, no país coa segunda renta per cápita máis baixa de Latinoamérica. Aforrando malas interpretacións, non quixera que tras esta afirmación se asome un desexo inexistente de que países con recursos escasos padezan o que Bolivia leva sufrindo anos para saír adiante.
A pólvora xa foi descuberta hai séculos, así que se escribo sobre a desigualdade e sobre o abuso no mundo non será unha novidade, tampouco o será se atribúo parte da responsabilidade do problema ó Hemisferio Norte, ¿non? Pois si e non, de novo a petulancia do chamados “países desenvolvidos” favorece a incomunicación cos demais, porque ata para botarnos á culpa queremos te-la razón. Se preguntas a calquera boliviano explicarache unha concepción totalmente distinta do reparto de responsabilidades na problemática do seu país, é máis, asumen moita parte no asunto, eles mesmos pensan que sempre serán incapaces de cambia-la situación. Sinceramente, nin tanto nin tan pouco. ¿Quén ten a razón? Nós, eles, todos. Non importa, máis ou menos todos estamos acertados, pois por moi subxectivas que sexan as opinións, dos sentimentos humanos sempre se desprenden verdades reveladoras ás que debemos atender.
¿É cómo podemos explicar o terrible desequilibrio mundial? Non son a primeira nin a última que reflexiona sobre o asunto, pero sempre que comezo a pensar nestes temas procuro lembra-la ensinanza obtida da análise histórica, a mesma que explica as relacións humanas a partires dunha multiplicidade causal que derivan en moi diversas consecuencias. É dicir, que os parámetros nos que as accións humanas se moven son tan complexos que explicar cun sola sentencia cál é o motivo verdadeiro da inxustiza social é un imposible.
Porque as nosas mentes tenden a facer máis complexa a vida do que xa o é, unha pode pasar de desfrutar describindo fermosas paisaxes bolivianas pero rapidamente pasar á envelenarse coa política e entristecerse coa realidade mundial. Para esta parte final disciplinarei a tendencia humana a ser negativo e intentarei proporcionar un pouco de paz e sosego directamente chegados da Nai Natureza.
A seguinte mostra é unha combinación de fotografías do sur do país, a franxa xeográfica entre Sucre e Potosí, a mesma que sube ó altiplano andino.
Caudal seco do río que cruza o pobo chuquisaqueño de Yotala.

Antiga fronteira entre Chuquisaca (departamento do que é capital Sucre) e Potosí. Ponte que está nos proxectos do PRAHP como recuperable.

Típicos cactus xigantes do sur boliviano.

Lagoa de San Sebastián, pertencente ó complexo de lagoas de Kari Kari. No século XVII se construiron estes embalses artificiais para levar auga ós inxenios mineiros que trataban a prata e outros minerais.